Circular 2027
Actualizado: 15 sept
Circular informativa
Aproveitando o comezo do novo curso, o Grupo de Traballo PAU da materia “Historia de España” quere compartir a súa nova web, na que o profesorado e alumnado poderán consultar e ter acceso ás indicacións e materiais relacionados coa preparación da proba. A nova dirección é: https://ciughistoria.wixsite.com/pauhistoria En consecuencia, o blog (https://grupotraballohistoriaespana.blogspot.com/) quedará inactivo.
Aínda que están a prepararse algúns axustes a nivel dos contidos para o vindeiro curso (2027-2028), debido á falta de directrices dende a Consellería de Educación ata estes momentos, para o curso 2026-2027 non haberá cambios significativos, nin a nivel de contidos nin a nivel da estrutura da proba. No caso dos CONTIDOS, como pode apreciarse na web, unicamente temos afinado e simplificado para incidir naquelas cuestións que serán obxecto de exame, buscando desta maneira alixeirar, na medida do posible, o temario, sen cambiar os temas que xa coñecedes de anos anteriores.
Este curso manterase a estrutura do exame como nas anteriores convocatorias, con catro preguntas. A primeira, a pregunta competencial ou de detección de erros, sen opcionabilidade, na que o alumnado terá que detectar, explicar e corrixir dous erros nun texto breve sobre aspectos da Modernidade; as outras tres preguntas terán dúas opcións, relativas aos séculos XIX e XX, respectivamente.
A segunda, a pregunta comparativa, gardará relación con aspectos pertencentes aos séculos XIX e XX dos bloques 2, 3 e 4. As preguntas tres e catro, relativas a comentarios de documentos históricos, serán, nun dos dous casos, de tipo textual e, noutro, de documentos de distinta natureza, sendo iguais para as dúas opcións (imaxes, gráficos, mapas, etc). A pregunta tres gardará relación con aspectos de índole política e a pregunta catro con aspectos sociais e económicos. Asemade destas pequenas precisións, na web poderanse atopar as instrucións e indicacións que xa estaban dispoñibles no blog. No apartado de RÚBRICAS aparecen, polo miúdo, as aclaracións que están a sinalarse nesta circular.
Confiamos en que estas indicacións poidan axudar e facilitar o labor de preparación da proba.
Saúdos cordiais,
Diana Pelaz Flores
Comentarios